O alcalde anunciou este luns que esta semana o Goberno Local aprobará unha adenda ao convenio asinado entre o Concello e a Deputación para a reforma integral do estadio municipal de Balaídos, unha adenda na que -ademais de garantir novos asentos en todo Río Baixo– Deputación de Pontevedra e Concello promoven a “fase definitiva” da remodelación cos proxectos técnicos para as bancadas de Gol e Marcador e dun novo aparcadoiro de 1.000 prazas.
O estacionamento, engadiu o alcalde, irá emprazado en Manuel de Castro fronte á bancada de Tribuna. “Entramos xa na fase definitiva para completar a gran reforma de Balaídos”, apuntou Caballero, quen explicou que o aparcadoiro actuará ademais como un “factor determinante” para evitar as inundacións na zona de vestiarios do estadio.
Esta fase de tramitación dos proxectos técnicos do aparcadoiro, de Gol e de Marcador supón “o paso inicial para a concesión do campo de Balaídos”, que incluirá o estacionamento. Caballero enfatizou o apoio da Deputación de Pontevedra e censurou que o Goberno de Galicia achega “cero euros” A Balaídos e pediu explicacións ao presidente Feijóo.
Ademáis, este luns quedou colocado o primeiro módulo da estrutura da cuberta da nova bancada de Río e mañá, martes, continuarán os traballos para instalar o segundo módulo da cuberta. A próxima semana montaranse as dúas pezas dos extremos.