Segundo un informe de Fiscalización realizado polo Consello de Contas de Galicia correspondente ao ano 2015, Vigo é cidade que menos recursos recibe do Goberno de Galicia en axudas, convenios ou subvencións, cunha achega de 30,91€per cápita.
O informe do Consello de Contas do ano 2015 determina que a achega per cápita da Xunta a Santiago foi de 80,31€, un 266% máis que Vigo; a de Ferrol, de 61,25€, un 200% máis que Vigo; a de A Coruña, de 43,27€, un 143% máis que a de Vigo; a de Lugo, de 50,12 €; a de Ourense, de 47,59€; e de Pontevedra, de 36,34€.
Estes datos, procedentes das últimas contas auditadas feitas públicas, amosan que Vigo é a cidade que menos recibe, con 30,91 euros, mentres que a media galega está en 91 euros, un 300% máis que a nosa cidade.
Respecto dos investimentos, o alcalde reiterou publicamente as cuestións pendentes da Xunta coa cidade: promoción do transporte aéreo, construción do centro de saúde de Bouzas -aínda sen empezar-; acceso desde Buenos Aires ao centro da cidade a través da AP9; decretar a gratuidade do aparcamento do Álvaro Cunqueiro; remodelación de vías de titularidade autonómica (enlace Baiona Baiona; Avenida de Galicia; Avenida Ricardo Mella; Rúa Arquitecto Gómez Román e rúa Canido; Avenida de Castrelos-Estrada de Valladares; Estrada de Zamáns; Avenida de A Florida- Estrada de Camposancos; Avenida de Ramón Nieto e Avenida de A Ponte); reforma de Balaídos; plan de reforma de centros públicos que están sendo atendidos desde o Concello (reformas de comedores ou cubricións de patios); infraestruturas deportivas; bolsas de comedor en centros de infantil e primaria; accións en política social; plans de emprego; apoio a eventos como O Marisquiño ou a promoción das Illas Cíes.
Desde o punto de vista cultural, Abel Caballero incidiu en que o Concello aporta o 75,24% do orzamento do MARCO, o que supón un 600% máis que a Xunta, quen achega só 100.000€ mentres que adica 11 millóns á Cidade da Cultura de Santiago. Respecto das bibliotecas, lembrou que Vigo apenas recibe 710.000€, mentres que A Coruña ou Santiago reciben 2.092.496 euros e 2.324.114, respectivamente.