O vindeiro sábado 7 de outubro celebrarase unha ruta turística organizada pola Deputación de Pontevedra no Castelo de Sobroso. Esta andaina encádrase dentro do plan de posta en valor deste espazo fortificado de importante interese histórico e turístico. Dito plan comprende as obras de mellora para as que se asinou un convenio co Concello de Ponteareas, titular do Castelo, a pasada primavera. Co convenio acordouse a creación dunha senda con paneis de información con códigos QR e audioguías que divulgan a riqueza botánica dos xardíns de Sobroso e agora a posta en valor e dinamización turística do recinto con esta ruta.
Para a participación nesta andaina turística, que ten prazas limitadas, os interesados deben inscribirse antes do 5 de outubro no email [email protected].
A ruta, que se realizará coa colaboración do concello de Ponteareas, comezará ás 11.00h no acceso aos xardíns e está orientada ao público familiar co obxectivo de divulgar este espazo cultural e natural para que toda as persoas poidan coñecer e gozar da súa beleza. Por iso, durante a mesma, combinarase o recorrido guiado pola senda botánica (con variedade de especies autóctonas) con intervencións teatrais que dan conta da presenza de Dona Urraca no Castelo de Sobroso, onde foi encerrada e logrou fuxir a Compostela.
A senda botánica do Castelo de Sobroso inclúe sete paneis tecnolóxicos con códigos QR e oferta contidos en inglés, castelán e galego que permiten facer o percorrido dunha forma máis amena e descubrir o valor natural e paisaxístico deste novo espazo. Máis polo miúdo, os sete paneis proporcionan información relativa ao mundo baixo os nosos pés, os liques, o carballo, o alcanfor, as froiteiras, a sobreira e o acivro, protagonistas da senda.