Segundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a Unidade de Patoloxía de Mama do Hospital do Meixoeiro “bateu o seu récord de intervencións cirúrxicas no último ano, ao superar a barreira do medio millar de operacións que viña realizando, e acadar a cifra de 557 operacións totais”. Deste total, o 65% das mastectomías son reconstruídas no momento das intervencións.
Con motivo do Día mundial do Cáncer de Mama que se celebra este xoves, día 19 de outubro, os responsábeis da Área Sanitaria de Vigo difundiron os últimos datos de actividade realizada polos profesionais desta Unidade.
Xunto ás intervencións, efectuáronse 7.473 consultas médicas e 4.000 de enfermería, así como máis de 500 tratamentos radioterápicos de mama -un 21% do total das radioterapias-. Ademais,nesta Unidade realízanse anualmente máis de 10.100 mamografías, 6.900 ecografías e 1.000 biopsias guiadas por imaxe.
A Unidade de Patoloxía de Mama, emprazada no hospital Meixoeiro, “ofrece unha abordaxe integral das lesións mamarias, tanto benignas como malignas”. Así, neste hospital centralízase, ademais das probas de diagnóstico por imaxe, todos os tratamentos cirúrxicos e radioterápicos de mama realizados no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) e, anualmente o seus profesionais diagnostican 350 casos novos de cancro de mama.