O Concello de Redondela ven de iniciar a renovación de contedores e equipos móbiles para a recollida do lixo, tanto nos cascos urbanos como nas parroquias de Redondela. Ademais da substitución dos contedores existentes incrementaranse as unidades de colectores de 3.200 litros o que suporá un incremento do 30% no volume instalado sen aumentar o número deles na rúa e o seu consecuente impacto visual.
Con este cambio, sinala o concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez,”mellorase substancialmente o número total de litros dispoñibles por habitante, tanto en recollida selectiva como para recollida convencional”.
Así mesmo,a recollida selectiva incrementarase en maior medida xa que aos novos colectores,que se instalarán substituíndo aos xa existentes sumaranse o 20% dos que se ían retirar xa que se atopan en bo estado. “Con este gran incremento búscase potenciar a reciclaxe en tódalas zonas e abaratar así este servizo tan deficitario para o Concello”.
A renovación inclúe tamén 200 compostadoras domésticas de 360 litros, 100 soportes para contedores, 110 colectores de pilas de 50 litros, 2 caixas para xestión de trebellos voluminosos e 6 caixas para recollida de vexetais nas praias.
O concelleiro indica que a renovación comezou polo rural e unha vez concluída nesas zonas iniciarase nos núcleos urbanos.
Cando remate a substitución e o incremento de contedores a empresa encargada entregará ao Concello unha cartografía dixital que reflectirá a situación final.