O persoal de Maderas Iglesias, empresa do Porriño dedicada á fabricación de tarima flotante e que atravesa unha situación crítica, convoca unha nova mobilización para reclamar o pago dos salarios pendentes e a posta en marcha de medidas que garantan a supervivencia da compañía. A manifestación terá lugar en Vigo este sábado 21 e arrincará dende a rúa Couto, onde se atopa a vivenda do propietario, ás 11 da mañá.
Dende o comité de empresa (CIG, CCOO e UGT) denuncian que a dirección segue sen atopar unha saída á crítica situación que atravesa a compañía dende hai sete anos e mantén débedas co cadro de persoal. Maderas Iglesias chegou a contar cun cadro de persoal de 800 empregados, boa parte deles mulleres, mentres que na actualidade apenas supera os 250.
Mala xestión
“Non se entende que unha empresa que foi a primeira produtora de tarima flotante do Estado español e unha das principais do mundo, que tivo sedes nos Estados Unidos, Brasil ou Polonia e que achegou a marca de tarima flotante Greenkett a moitos países estea agora a decaer desta maneira; mais a situación actual é resultado dunha mala xestión e da crise do sector da construción”, sosteñen.
Diante disto, tras a manifestación celebrada o pasado 30 de setembro no Porriño e as xestións institucionais levadas a cabo no Concello e no Parlamento, o cadro de persoal desenvolverá unha nova mobilización que arrincará dende as inmediacións da vivenda do dono de Maderas Iglesias en Vigo (rúa Couto, a carón da Praza dos Cabalos) e rematará diante do hotel NH de García Barbón, negocio familiar do propietario.