No Diario Oficial de Galicia (DOG) deste mércores vén de publicarse a orde de 9 de outubro de 2017 pola que se aproban as bases reguladoras das axudas a centros privados concertados da Comunidade Autónoma de Galicia para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo para o curso 2017/18.
Nesta orde destínanse 360.000 € para contratar persoal como logopedas, fisioterapeutas, axudante técnicos educativos, psicólogos, pedagogos, traballadores sociais, intérpretes de linguaxe de signos e coidadores, perfís, salvo este último que, aínda sendo moi necesarios e reclamados pola CIG Ensino non existen no ensino público.
O secretario nacional da CIG-Ensino, declarou que “mentres Educación practica un recorte sistemático, inxustificado e inaceptábel no ensino público, suprimindo centros, unidades e profesorado, curiosamente, mantén inalterada desde 2012 esta partida económica que se incrementou naquel ano un 37% respecto do anterior”, “a nós gustaríanos -recalca- contar con estes perfís profesionais nos centros públicos”
Estas axudas a centros privados concertados para a atención ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo permítelles a estes centros a máis da contratación de persoal: reparacións, mantemento e obras ou instalacións así como a compra de material funxíbel e non funxíbel.
Estes cartos súmanse aos concertos que xa recollen de por si cantidades destinadas a estas necesidades especificas, permitindo a estes centros privados contar con servizos, modificar instalacións e contratar persoal que os centros públicos, nin sequera os de Educación Especial, poden prestar ou contratar. “Estamos pois”, remata Suso Bermello, “ante un caso flagrante de discriminación inaceptábel en favor do ensino concertado e un enésimo ataque do Partido Popular ao Ensino Público Galego”.