O Goberno de Galicia prorrogará ata o vindeiro 12 de novembro o actual dispositivo de loita contra incendios forestais, para facer fronte ao risco de lumes polas previsións meteorolóxicas adversas.
Así o anunciou este mércores a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, tras supervisar, xunto coa titular de Mar, Rosa Quintana, os labores de inspección para o desenvolvemento de accións que eviten o arrastre de cinzas cara os bancos marisqueirosna parroquia de Ventosela , en Redondela.
Ángeles Vázquez explicou que nestes días valorouse a posibilidade de prorrogar o operativo, como xa se fixo antes da vaga de lumes, respondendo ás previsións de tempo seco e solleiro, que incrementan o risco de ocorrencia de incendios.
En relación con esta visita a Redondela, a titular de Medio Rural insistiu na necesidade de actuar con criterios técnicos e de xeito coordenado para paliar os danos dos lumes, especialmente no que se refire aos posibles arrastres de cinzas e chans a causa das chuvias.
Neste mesmo sentido, lembrou que os técnicos do Centro de Investigación Forestal de Lourizán, que contan cun alto grao de cualificación profesional, son os encargados de coordinar todos estes labores. Farano, segundo explicou a conselleira, perimetrando e parametrizando en primeiro lugar os lumes, a través de prospeccións aéreas e vía satélite. A continuación farán inspeccións sobre o terreo e analizarase a afección dos incendios en cada zona, para delimitar despois as áreas prioritarias de actuación.
A partir dese intre decidirase cal é a técnica máis axeitada para actuar fronte a erosión, dispoñendo a localización exacta dos traballos de mulching ou helimulching -cobertura de palla-.
Sobre estes labores, a conselleira insistiu en que se deben levar a cabo “sempre de xeito coordinado e con asesoramento técnico, porque senón podemos caer nun pequeno fracaso, xa que o arrastre pode ser máis prexudicial se botamos demasiada palla ou non se estende debidamente” e incluso pode dificultar o rebrote da vexetación. Outras medidas, dixo, pasan pola colocación de barreiras xeotéxtiles ou de carácter natural para evitar arrastres aos canles fluviais, o mar ou os acuíferos.