O Instituto Galego de Estatística (IGE) vén de publicar este venres a ‘Estatística de nomes dos neonatos galegos’ correspondente ao ano 2016, que reflicte que ‘Sofía’ substitúe a ‘Noa’ como o nome máis frecuente para a nenas, mentres que ‘Martín’ se mantén no primeiro posto entre os nenos ao igual que no 2015.
Os nomes de mulleres máis frecuentes no ano 2016 foron o de ‘Sofía’, ‘Noa’, ‘Sara’, ‘Martina’ e ‘Alba’, na súa maioría curtos e de dúas sílabas. Se se compara co 2015, ‘Alba’ desaparece e ‘Daniela’ pasa a estar incluído na lista dos cinco primeiros nomes. Pola contra, se se establece unha comparativa co ano 2006, ‘Sara’ é o único que coincide e ademais ocupa a mesma posición.
En canto aos nomes masculinos, a estatística mostra que os cinco nomes máis frecuentes o ano pasado eran ‘Martín’, ‘Mateo’, ‘Hugo’, ‘Lucas’ e ‘Pablo’. A mesma comparativa co 2015 mostra que nese ano, ‘Lucas’ desaparece da listaxe e aparece ‘Daniel’. Con respecto ao 2006, os únicos nomes que coinciden son Hugo e Pablo.
Por outra banda, se se amplía a mostra e se teñen en conta os 20 primeiros nomes, pódese ver como entre 2015 e 2016, tanto no caso das nenas como dos nenos todos os nomes coinciden agás dous. No 2016 suben á lista ‘Julia’ e ‘Lía’ e desaparecen ‘Sabela’ e ‘Iria’; e no caso dos homes, ‘Xoel’ e ‘Anton’, presentes entre os 20 primeiros no 2015, son substituídos por ‘Mario’ e ‘Marco’. Ademais, na actualidade medra a tendencia a empregar nomes galegos tanto para as nenas (‘Noa’, ‘Uxía’, ‘Lía’ ou ‘Antía’) como para os nenos (‘Anxo’, ‘Brais’ ou ‘Iago’).
A estatística, que pódese consultar premendo aquí, empezara a publicarse no ano 2015 polo Instituto Galego de Estatística (IGE) e a través da mesma se podía coñecer, por primeira vez, a evolución histórica dos nomes en función da localidade, o xénero ou a década (dende antes de 1930 ata a década actual).
Esta estatística ofrece información relativa aos nomes da poboación que ten fixada a súa residencia en Galicia, e permite tamén coñecer a distribución comarcal de calquera nome.