A actuación inmediata tras un incendio forestal, a curto e longo prazo, pasa pola estabilización urxente do chan, a rehabilitación das infraestruturas e, finalmente, pola restauración e recuperación do ecosistema.
Esta é a principal conclusión da xornada técnica sobre planificación de tarefas de rehabilitación urxente das áreas queimadas que tivo lugar esta semana no Centro de Investigación Forestal (CIF) de Lourizán, en Pontevedra.
Neste foro participaron expertos do propio centro, doutras entidades galegas e do resto de España. Así, entre os relatores figuraban o propio director do CIF, Enrique Martínez Chamorro, un representante da Sociedade Española de Ciencias Forestais, un experto da Universidade de Vigo e unha especialista da Junta de Castela-León. O foro contou cuns 60 asistentes, que completaron o aforo do centro, e serviu para avaliar desde o punto de vista técnico as medidas necesarias tras os incendios forestais.
Os especialistas constataron que as características climáticas de Galicia fan que a biomasa forestal se desenvolva máis rapidamente que noutros lugares e, por outra banda, que o gran número de incendios e a súa reiteración orixina que o risco erosivo post-incendio sexa cada vez maior.
Por iso, o primeiro que debe facerse –conclúen os técnicos– é avaliar a severidade do incendio, xa que é o paso máis crítico para tomar as decisións correctas nas tarefas de estabilización e rehabilitación de áreas queimadas. A continuación, proceder coas accións inmediatas de estabilización urxente (para frear a degradación do chan, reducir a escorrentía superficial e a conservación da rede de drenaxes); coas tarefas de rehabilitación (co fin de reparar as infraestruturas e acelerar a recuperación do ecosistema forestal), e coas de restauración (recuperando o ecosistema e reducindo a combustibilidade).
Estas tres fases, advirten as conclusións do encontro, teñen a súa orde cronolóxica. O primeiro é realizar unha estabilización de urxencia, seguidamente a rehabilitación e finalmente unha restauración, a etapa máis longa.
Erosión post-incendio
As xornadas iniciáronse o mércores cun relatorio a cargo do prestixioso profesor José Antonio Vega, da Sociedade Española de Ciencias Forestais, quen falou sobre a erosión post-incendio en Galicia e o protocolo de actuacións urxentes para estas situacións. A continuación, o profesor José Mª Fernández, da Universidade de Vigo, falou dos patróns espaciais de severidade do lume en masas arboradas de Galicia.
Na xornada tamén se puxo de manifesto que outras comunidades, caso de Castela e León, toman como referencia o traballo que se vén realizando na nosa comunidade para facer fronte ás consecuencias ambientais dos incendios forestais. Por esta razón, en diversas zonas desa autonomía empezáronse a utilizar, con éxito, técnicas de mulch (cobertura de palla) que en Galicia lévanse empregando hai anos con resultados moi satisfactorios.