Segundo informa o Servizo Galego de Saúde (Sergas), a actividade no Laboratorio de Resposta Hospitalaria (LRH) do Álvaro Cunqueiro medrou “considerablemente no período comprendido entre setembro de 2016 e o mesmo mes de 2017”.
O número de peticións que chega ao laboratorio cada día oscila entre 900 e 1.200 entre o luns e o venres; e rexístranse entre 550 e 650 os sábados, domingos e festivos.
O número total de determinacións de probas analíticas ascendeu a 2.259.235, un 15,82%. Preto de tres de cada catro determinacións (71%) corresponderon a probas de carácter urxente e o resto son programadas, de acordo co balance realizado pola xefa do servizo.
A doutora Amalia Andrade, xefa do servizo de Análisis Clínicos, subliña que “o aumento de actividade responde probablemente ao plan especial para reducir a lista de espera na área sanitaria viguesa, tanto no crecemento de cirurxías programadas, como no número de consultas e urxencias, que repercuten na actividade programada e urxente do LRH”.
“No último ano o tempo medio de resposta nas determinacións urxentes realizadas no LRH é de 51,46 minutos, baixando nos últimos meses por debaixo de 50 minutos. Unha cifra que descende ata 38,57 minutos no caso do hospital de día oncolóxico”.
“O laboratorio do Hospital Álvaro Cunqueiro atende todas as peticións urxentes e programadas que se producen nas plantas de hospitalización, quirófanos, hospitais de día, salas de reanimación e urxencias do centro hospitalario”, sinalan dende o Servizo Galego de Saúde. O resto das analíticas programadas que se solicitan tanto en consultas externas como nos centros de saúde da área sanitaria procésanse no Hospital do Meixoeiro, no que proximamente comezará a funcionar o novo laboratorio central.