A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria vén de publicar a relación provisional de centros galardoados cos Premios a Proxectos de Formación Permanente do Profesorado 2017, dirixidos aos centros docentes que participaron neste tipo de plans en centros educativos públicos no curso escolar 2016/17.
Os centros premiados pola provincia da Pontevedra son o IES de Sanxenxo e o Centro de Educación Especial de Panxón, en Nigrán.
Cada un dos centros galardoados obterá unha asignación extraordinaria de 2.000€ sobre o concedido para o desenvolvemento do Plan de Formación Permanente do Profesorado. Así mesmo, concédese unha mención especial aos mellores proxectos de formación de entre os premiados (no caso da provincia de Pontevedra, o IES de Sanxenxo), consistente nunha asignación extraordinaria de 1.000€.
Para a concesión dos premios valorouse o contido innovador e transferibilidade do proxecto, os recursos tecnolóxicos utilizados, o traballo multidisciplinar e en equipo, o grao de implicación da comunidade educativa, os recursos aportados á comunidade e o desenvolvemento das competencias profesionais docentes a través destes proxectos. Así mesmo, tívose en conta a existencia dun sistema de avaliacións relativo á implantación e desenvolvemento do proxecto e o nivel de logro acadado.