O Concello de Redondela conta dende esta semana cun novo ‘Bucle Magnético’, instalado no Auditorio do Multiusos da Xunqueira que permitirá que as persoas con deficiencia auditiva poidan gozar, en condicións de igualdade, das actividades que se organizan no mesmo.
Así o sinalou a tenente de alcalde e concelleira de Benestar Social, María del Carmen Amoedo que, xunto ao alcalde, Javier Bas, presentou este dispositivo, un dos primeiros que se instala nun concello de Galicia, coma sinalou Patricia Lage, responsábel da área socio-sanitaria da Organización de Xordos de Galicia (Xoga).
O ‘Bucle de indución magnética’, engadiu, conéctase ao sistema de son do propio auditorio e permite que as persoas que usen audiófono reciban ese son directamente, “sen distorsións o cal mellora de xeito espectacular a comprensión e percepción por parte das persoas con deficiencia auditiva”.
Non é o primeiro ‘bucle’ do que dispón Redondela: no propio Concello hai outro, portátil, que está no Rexistro e que permite que as persoas que teñen calquera problema de audición poidan realizar trámites na administración local evitando as interferencias do son ambiental o cal fai moito máis doado facer calquera xestión, algo ao que tamén contribúe o dominio da linguaxe de sinais por parte dos funcionarios municipais, moitos dos cales están a realizar un curso para dominar esta linguaxe.
“O obxectivo que buscamos é a inclusión das veciñas e veciños de Redondela, de todos eles”, salientou María del Carmen Amoedo, quen adiantou que o seguinte lugar que disporá dun ‘Bucle Magnético’ será o multiusos de Chapela, “e chegaremos a todos os lugares que poidamos”.
Neste senso, o Concello de Redondela, engadiu, participará activamente na I Xornada de Discapacidade Sensorial, o vindeiro día 16 de decembro, que terá coma marco o Pazo da Cultura de Pontevedra e no que se falará de temas tan importantes coma as linguaxes oral e de sinais, a logopedia, a creación de un grupo de saúde para persoas con deficiencia auditiva ou a detección temperá da xordeira.