Cultura

@depo_es remata o proceso de implantación da administración electrónica en 54 concellos da provincia

A presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer este venres o estado de situación do proxecto de administración electrónica que a institución provincial está impulsando para modernizar a administración local. Ao respecto, Carmela Silva destacou que “acabamos de rematar o proceso de implantación da administración electrónica en 54 concellos de provincia, en todos os que nolo tiñan solicitado, e estamos inmersos na implantación deste servizo nas entidades locais menores”.

A Deputación implantou os servizos de administración local nos concellos que o solicitaron de xeito totalmente gratuíto e para facilitar que poidan dar cumprimento á Lei 39/2015 de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

En total, dende estes momentos, 54 concellos da provincia de Pontevedra poden xa prestar servizos a través da plataforma electrónica, facilitando os trámites a moitas cidadás e cidadáns.  Durante este proceso de implantación, tal e como informou a presidenta provincial, a institución provincial formou a preto de 2.200 empregadas públicas e empregados públicos e a preto de 725 cargos públicos.

Silva adiantou que a partir destes momentos a Deputación de Pontevedra comeza o proceso de implantación da administración electrónica nas entidades locais menores. Ao respecto, en Chenlo, O Porriño, xa se implantou o servizo e en breve se iniciará en Bembrive (Vigo) e Camposancos (A Guarda). Nas cinco entidades locais menores restantes da provincia de Pontevedra (Arcos da Condesa, en Caldas; Morgadáns, en Gondomar; Pazos de Reis, en Tui e Queimadelos e Vilasobroso en Mondariz) iniciarase o proceso de administración electrónica en función da demanda.

En total, a Deputación de Pontevedra está a investir neste proxecto 800.000€ converténdose en pioneira en Galicia, ao ser a primeira e única administración en poñer en marcha un proxecto e recursos para axudar aos concellos e entidades menores a facer fronte á Lei 39/2015 e abordar con éxito a súa transformación dixital.

También te puede interesar