Comarcas Vigo al minuto

@depo_es pon en marcha “Depoemprega 2017” un programa dirixido a mulleres e proxectado para lograr a súa inserción laboral

O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar o proxecto “Depoemprega 2017” para a posta en marcha de programas integrados de emprego. Trátase dun programa dotado dun orzamento de 255.000€ no que participarán “85 mulleres dos concellos de Pontevedra, Vigo, Cangas, Ponteareas, Poio, Tomiño e Tui”, sinalou a presidenta do ente provincial.

Estas 85 mulleres, que serán seleccionadas polo Servizo Público de Emprego -e que poden solicitar a súa participación ata o día 29 deste mes-, “participarán en diversas accións formativas, no centro Príncipe Felipe ao longo dun ano, co obxectivo de conseguir que o 35% das participantes se inserte laboralmente”. De feito, Carmela Silva informou de que “o ano pasado acadamos unha inserción laboral próxima o 45%, polo que estamos a falar cun proxecto que non só consegue os resultados perseguidos, senón que os seus resultados son mesmo superiores”.

Silva sinalou que a relación de concellos foi seleccionada por dous motivos: en primeiro lugar, “porque no ano 2016 contaron cunha media de paro superior ás 1.000-2.000 persoas” e, ademais, “por teren un índice elevado de desemprego feminino”.

Das 85 mulleres que participarán en “Depoemprega”, “o 25% serán vítimas da violencia de xénero e persoas en risco de exclusión social, o 35% mulleres maiores de 45 anos e desempregadas preceptoras de prestación” e “o 40% desempregadas de longa duración”, informou a presidenta.

“Depoemprega 2017” contará con catro itinerarios: formación para o emprego (no que se dará formación para a mellora da empregabilidade e para a obtención de certificados de profesionalidade), realización de prácticas profesionais non laborais (dirixida a mulleres de diferentes perfís profesionais que estean xa acreditadas con certificados de profesionalidade ou ciclos formativos pero que precisen mellorar e actualizar a súa formación), fomento da cultura emprendedora (dirixido a aquelas mulleres susceptibles de ser emprendedoras) e empregabilidade (dirixido a mulleres cualificadas, con competencias e habilidades sociolaborais, en proceso de busca activa de emprego que necesiten mellorar a súa formación a través da formación transversal).

Te podría interesar