Os concellos da comarca de Vigo disporán o próximo ano a través do Plan Concellos bianual 2018-2019 da cantidade de 8.940.298,98 €, o que supón case 4 millóns de euros sobre as cifras que percibiron da Deputación de Pontevedra no marco do Plan 2017.
En concreto, co novo Plan, os concellos da comarca -Fornelos de Montes, Mos, Pazos de Borbén, O Porriño, Redondela, Salceda de Caselas e Soutomaior- terán a súa disposición un 75,35% máis que este ano 2017.
A Deputación de Pontevedra porá a disposición dos concellos da provincia no vindeiro ano 72 millóns de euros, 42 millóns do Plan 2018 amais dos 30 millóns da Liña 1 do Plan 2019 que, sumando as cantidades que fóra do plan recibirán os concellos de Vigo e Pontevedra, suporá un investimento total de máis de 110 millóns de euros nun so ano.
Esta inversión, cualificada de histórica tanto pola presidenta, Carmela Silva, como polo vicepresidente, César Mosquera, supón un 75% máis de cartos que no 2017.
“É unha revolución, a maior inxección de cartos aos concellos en toda a historia da Deputación de Pontevedra”, dixo Silva, coincidindo con Mosquera, quen destacou que “nunca houbo nin a metade dos recursos para os concellos dende a Deputación, nin sequera contando con fondos europeos ou doutras administracións. Cumprimos o noso compromiso de facer un esforzo extraordinario para dotar aos concellos dos máximos recursos”.
A principal novidade do Plan Concellos deste ano é que se trata dun plan bianual, financiado con fondos propios da Deputación de Pontevedra, que vai poñer a disposición dos concellos 72 millóns de euros, 42 millóns do 2018 e 30 millóns de euros da liña 1 do Plan do 2019. Como lembrou a presidenta provincial, “este ano introducimos o carácter bianual por mor da vaga de lumes sufrida en outubro do 2017, co obxectivo de dar resposta ás necesidades dos concellos, reforzar a súa autonomía e responsabilidade, ademais de facilitar a mellora da planificación da actividade por parte das administracións municipais”. Deste xeito, serán subvencionables a recuperación de infraestruturas, equipamentos e outros bens de titularidade municipal con danos causados polos lumes.
O Plan Concellos distribuirá no 2018 42 millóns de euros nos 59 concellos de menos de 50.000 habitantes da provincia, é dicir, un 2% máis que no 2017. A presidenta da Deputación de Pontevedra amosou a súa satisfacción porque “todos os concellos incrementan as súas contías e todas as comarcas reciben máis recursos, amais de que aqueles concellos que queiran afrontar obras de maior envergadura poderán facelo empregando os 30 millóns da liña 1 do 2019″.
Así, ao longo do 2019 a Deputación de Pontevedra porá a disposición dos concellos 72 millóns de euros, aos que hai que sumar 1 millón de euros dos anticipos sen xuros e 8 millóns xa aprobados do “Plan de Reequilibrio”.