A asemblea de traballadores de Veolia, concesionaria do servizo de mantemento do hospital Álvaro Cunqueiro, decidiu desconvocar a folga indefinida, prevista para o vindeiro martes 26, despois de a dirección garantise a ultractividade do convenio.
Os traballadores, que desenvolveron concentración diarias no centro sanitario, tamén lograron equiparar as súas condicións laborais coas do persoal do Sergas.
O preacordo alcanzado entre a representación sindical e a empresa, a tras a xuntanza mantida este xoves, foi finalmente ratificado en asemblea polo cadro de persoal por 50 votos a favor e 5 abstencións, polo que a folga queda desconvocada.
Deste xeito, sinalan dende o Comité de Empresa, o “convenio de centro de traballo que se está a negociar incorporará a cláusula de ultractividade, o que permitirá manter as condicións pactadas aínda que remate a súa vixencia e mentres non se negocie un novo acordo”.
Ao mesmo tempo, engaden os sindicatos, os traballadores de de Veolia “lograron a equiparación das súas condicións laborais coas do persoal do Servizo Galego de Saúde (Sergas) en materia de xornada, salarios, categorías, baixas e excedencias, conseguindo deste xeito as súas principais reivindicacións”.
As negociacións para rematar de perfilar o convenio de centro de traballo mediante o que se igualarán as condicións laborais de todo o persoal continuarán o vindeiro 10 de xaneiro.