A directora xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático, María Cruz Ferreira Costa, entregou ao Concello de Redondela o premio Concello Recicla-Activo, polo seu labor en materia de reciclaxe e xestión sostible de residuos.
O obxectivo do concurso foi valorar o esforzo dos concellos que máis traballaron pola xestión sostible dos residuos no seu ámbito municipal, fomentando a correcta separación dos mesmos, con especial atención á segregación dos envases lixeiros e envases de papel e cartón, e sensibilizando á cidadanía sobre a necesidade de contribuír á reciclaxe.
Como gañador, o concello pontevedrés recibiu un diploma acreditativo e un premio en equipamento urbano medioambiental valorado en 2.500 €.
O o xurado, composto por representantes da Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, de Ecoembes e de Sogama, valorou sobre todo a implantación do seu Plan de Reciclaxe e Compostaxe Redondela (2016-2020), a constante evolución na mellora da súa recollida selectiva, así como as numerosas campañas e eventos desenvolvidos para o fomento da reciclaxe no municipio.