A presidenta da Deputación deu a coñecer este venres pola mañá os datos definitivos da ocupación hoteleira durante o pasado mes de decembro e a fin de semana de fin de ano. Carmela Silva informou que “durante fin de ano rexistráronse porcentaxes que se achegaron ao 60% de ocupación hoteleira en toda a provincia que permitiu pechar o mes de decembro cunha ocupación media provincial do 40%, 10,5 puntos por riba do acadado no mesmo mes do 2016, o que ratifica que o 2017 foi o mellor ano turístico da última década”.
A presidenta amosou a súa satisfacción polos resultados xa que “falamos dunha temporada con porcentaxes de ocupación baixas amais de que case o 30% dos establecementos permanecen pechados”. Máis polo miúdo, Silva destacou que en decembro foi a comarca de Caldas a que obtivo a maior ocupación hoteleira, cun 80% de media, seguida do Salnés, Vigo e Deza e Tabeirós-Terra de Montes que acadaron máis do 45%. Pola súa banda, Pontevedra superou o 35%, o Baixo Miño o 30%, O Morrazo o 25% e O Condado e A Paradanta o 20% de ocupación hoteleira
No caso da fin de semana correspondente a fin de ano “a ocupación hoteleira acadou nalgunhas comarcas máis do dobre que o resto do mes, cunha media provincial do 60%”. Neste caso, a comarca que obtivo os datos máis elevados foi novamente Caldas, co 100%, seguido de Vigo cuxa ocupación ascendeu ao 80% en toda a comarca e rozando o 100% na cidade. Deza e Tabeirós- Terra de Montes tiveron unha ocupación media do 66% e O Salnés do 60%. Pola súa banda, O Baixo Miño acadou o 50%, Pontevedra superou o 45%, O Morrazo o 30% e as comarcas do Condado e A Paradanta máis do 20%.
En canto ao turismo rural, Carmela Silva informou que “durante fin de ano obtivemos en toda a provincia unha ocupación nos establecementos rurais superior ao 51%”.
Perfil da persoa turista
O pasado mes de decembro as persoas que visitaron Rías Baixas eran maioritariamente españolas (88%) procedentes de Madrid, Barcelona e Áraba. No caso das persoas procedentes do estranxeiro (12%) a meirande parte correspondíase con habitantes de Portugal, Alemaña e Arxentina.
O 45% das e dos turistas que chegaron ata Rías Baixas tiña entre 35 e 60 anos e aloxáronse en hoteis por un período medio de 4 a 6 días. O principal motivo de viaxe ata a nosa provincia é a cultura e o 56% non coñecía Rías Baixas polo que “imos apostar moito, como tamén así nolo marca o Plan Estratéxico de Turismo, por promocionar e espallar os atractivos turísticos da nosa provincia”.