Cultura Destacados

A gaita tamén toca ao son da innovación

Precisamente por tradicional, o mundo dos instrumentos galegos, e da gaita en particular, é dun dos máis remisos aos cambios e as innovacións que traen as novas tecnoloxías. Por ese motivo, semella a priori difícil de imaxinar a colaboración dun obradoiro tradicional cun grupo de investigación de enxeñaría acústica, pero Idigaita é unha realidade de do proxecto son parceiros a Universidade de Vigo, o Obradoiro Seivane e o CTAG. O obxectivo é unir ciencia e tradición empregando os avances do I+D+i e os laboratorios do grupo de enxeñaría acústica Sonitum na procura de novos materiais para a fabricación das gaitas galegas. Algo que non é novo para os Seivane, cunha tradición ligada á innovación dende que en 1939 Xosé Manuel Seivane creou a súa primeira gaita, apostando pola mellora constante, a modernización e o futuro.

Os tres parceiros desta iniciativa están a traballar conxuntamente na procura de novos materiais para a fabricación do instrumento máis senlleiro da tradición musical galega. A xustificación do proxecto, que comezou a andar en agosto de 2009, radica na escaseza de madeiras nobres como o buxo que se emprega secularmente na construción das gaitas pero tamén na necesidade de diminuír a inestabilidade do instrumento provocada sobre todo pola humidade e os cambios de temperatura.

Ao longo des tres anos, o Obradoiro Seivane encargarase da construción das gaitas, o CTAG da investigación dos novos materiais e o grupo de enxeñaría acústica Sonitum da Universidade de Vigo da parte máis rigorosa e científica, das medicións acústicas para avaliar o son das gaitas. Tradicionalmente a elaboración das gaitas fíxose con madeira de buxo, pero non abunda en Galiza e a exportación doutros materiais e as elevadas taxas arancelarias obrigan a buscar novos materiais en laboratorio, materiais de reciclaxe e biodegradables.

También te puede interesar