Dende este xoves 18 de xaneiro estará aberto o prazo de solicitudes para todas as entidades interesadas en participar nas accións formativas de Igualdade que organiza a Deputación de Pontevedra ao abeiro do programa Conectadas.
O prazo estará aberto ata o vindeiro 16 de febreiro. Para este programa, de cara ao 2018, a Deputación de Pontevedra destinará 324.000€ co obxectivo de potenciar a participación e a promoción das mulleres e as relacións interpersoais igualitarias a través da formación.
Cada acción formativa das 46 que se van ofertar conta con entre 20 e 25 prazas e todas elas deben ser realizadas ata o 31 de decembro de 2018. Tratarán a igualdade efectiva entre mulleres e homes e a sensibilización na igualdade de oportunidades. Máis polo miúdo, as accións formativas de “Conectadas 2018” están distribuídas en oito bloques: “Muller emprende”, “Muller e cultura: artes visuais”, “Actualízate”, “Coas túas mans”, “Porque ti o fas”, “Súmate ao cambio”, “Ponte en forma” e “Coidados persoais”.
As accións formativas estarán abertas a toda a poboación da provincia de Pontevedra, mais as mulleres terán preferencia. Reservarase só o 25 % do total das prazas para homes, agás no bloque de contidos “Súmate ao cambio”, no que a participación pode ser mixta, xa que se cubrirán as prazas ao 50 %.