O cine negro imponse en Bouzas. Os alumnos de produción de cine do IES Audiovisual de Vigo están estes días a rodar a curtametraxe ‘Diamantes e pistolas’, protagonizada por Bea Serén e Rubén Riós, un actor coñecido pola súa presenza na serie Matalobos e no filme ‘Pradolongo’.
O filme narra a historia de Roi, un novelista frustrado que atopa a súa inspiración nos matóns dun escuro barrio portuario. Pero aínda non hai escena final. Esta gravarase esta mañá (11:30 horas) no propio IES Audiovisual e todos aqueles que queiran participar como extras na escena serán benvidos. Tan só teñen que achegarse un pouquiño antes polas instalacións do instituto, situado en Bouzas (rúa Eduardo Cabello s/n).
O traballo conta co apoio do Equipo de Normalización Lingüística do Concello de Vigo, de Clesa, de Begano, da Escola de Deseño de Moda Goymar e de Edicións Xerais, entre moitos outros.