O alcalde e a tenente de alcalde e concelleira de Emprego, María del Carmen Amoedo, acompañaron este venres ao delegado da Xunta en Vigo e ao xefe territorial de Economía e Emprego, na visita que fixeron para comprobar en persoa os traballos que os Obradoiros de Emprego Redondela Vila Bela están a executar na “Leira da Xunqueira”.
O Goberno galego destina a este taller, no que se formarán 20 desempregados nas especialidades de cantería e agricultura ecolóxica, xardinería e viveiros, preto de 280.000€.
Os obradoiros de emprego, a través dos que os participantes reciben formación e un contrato de traballo, ademais dun certificado de profesionalidade con validez en todo o Estado, presentan varias novidades nesta última convocatoria. A máis destacada polos concellos, profesorado e alumnado é a ampliación da duración dos programas xerais de 6 a 9 meses.
As alumnas e alumnos están a axardinar o terreo onde se situaba a antiga caseta de Fenosa cun deseño que se garda en secreto e que sorprenderá aos veciños e veciñas debido á súa orixinalidade.
A concelleira de Emprego subliñou que Redondela segue a apostar polos obradoiros como “unha ferramenta útil para reducir o paro na vila xunto cos plans de emprego para o que xa se está a seleccionar os participantes deste ano”.
María del Carmen Amoedo subliñou que “Redondela pechou 2017 coa taxa de paro mais baixa da provincia de Pontevedra entre os municipios de mais de 10.000 habitantes polo que pensamos que as nosas políticas de emprego están a dar resultados positivos”.