Comarcas

@AsNevesConcello prepara 43 novas áreas de reciclaxe en todas as parroquias

Xosé Rodríguez Méndez, alcalde de As Neves

O Concello das Neves está rematando a instalación de 43 áreas de reciclaxe en tódalas parroquias do territorio municipal. As obras que se realizan consisten na maior parte dos casos na preparación dunha soleira de formigón delimitada con pintura e barras de aceiro. Amáis colócanse sinais explicativas da recollida selectiva cun espazo para anuncios.

O alcalde, Xosé Rodríguez Méndez, explica que estas áreas son zonas onde a veciñanza pode colocar separados selectivamente os seus residuos. Un lugar agradable, ordenado e limpo onde poder depositar o lixo nas zonas máis céntricas ou máis accesibles dos barrios ou parroquias.

“Queremos conseguir que As Neves sexa primeira en tratamento do lixo coa separación, a recollida selectiva e coa implantación da compostaxe a través do Plan Revitaliza”.

O goberno local das Neves aumentou, dende 2015, un 50% o número de contedores para a recollida selectiva. Oscar González, Concelleiro de Medio Ambiente, indica que “hai moito por avanzar no tratamento do lixo. Reducir a cantidade de lixo xerado, sobre todo mediante a compostaxe, e separar para reciclar son esenciais ecolóxica e económicamente, conseguindo a sustentabilidade do ambiente e reducindo o gasto en lixo que pode permitir non ter que aumentar taxas e reorientar o gasto a outros investimentos”.

Dende o Concello salientan, así mesmo, as melloras realizadas no Punto Limpo, que pasou de ser hai dous anos un basureiro con multas, contaminación e custes moi elevados, a ser un lugar agradable, atendido de martes a sábado onde cada vez un maior número de residuos que entran son destinados a recuperación e reciclaxe.

También te puede interesar