Galicia

Asemblea Galegas 8M convoca a marcha deste domingo en Vigo “para amosar a nosa forza e a capacidade de espallar a loita feminista”

A ‘Asemblea Galegas 8M’, que integran 30 colectivos -entre eles a CIG-, presentou este xoves en Vigo a manifestación nacional unitaria que percorrerá as rúas da cidade este domingo 4 de marzo “para amosar a nosa forza e nosa capacidade de espallar a loita feminista”.

Durante a comparecencia diante dos medios de comunicación fixeron un chamamento a participar tamén na folga de mulleres e nas mobilizacións convocadas o 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora.

A marcha central coa que o feminismo galego celebrará este 8 de Marzo arrincará de Vía Norte ás 12 e rematará por volta das 2 da tarde na Praza do Berbés, onde haberá unha carpa con postos de comida, actuacións musicais, recitais poéticos e actividades para os cativos. Paralelamente, durante a xornada desenvolveranse mobilizacións en moitos puntos do país.

Co obxectivo de facilitar a asistencia á manifestación fretaranse até unha vintena de autobuses dende distintas localidades, que achegarán até Vigo a máis de 600 persoas “coa intención de amosar a nosa forza e a nosa capacidade de espallar a loita feminista e de xuntar forzas para dar visibilidade á ampla rede de mulleres galegas”.

Te podría interesar