Galicia viviu un febreiro moi frío no que se rexistraron numerosas xornadas con neve en cotas baixas e marcado tamén polos contrastes na distribución das precipitacións ao longo do mes. Estas son as principais conclusións do último informe climatolóxico de Meteogalicia, que conclúe que foi o mes de febreiro máis frío dos últimos 12 anos.
En comparación co período de referencia (1981-2010), a temperatura media en febreiro situouse por debaixo do habitual. En canto ás máximas, o promedio foi de 9,6 graos, mentres que polo que respecta ás mínimas a media quedouse en 1,6 graos. Tendo en conta as estacións máis representativas, a anomalía das temperaturas medias situouse en 1,6 graos por debaixo dos valores habituais. Os rexistros máis atípicos, en todo caso, foron os das mínimas, cunha desviación de case 2 graos respecto do dato histórico para este mes.
Polo que respecta ás precipitacións, no conxunto da comunidade choveu un 18% máis do normal o que permite cualificar este período como lixeiramente húmido. En todo caso, a situación diferiu bastante na provincia de Ourense, que rexistrou un déficit hídrico en xeral e particularmente nas comarcas de Valdeorras, Terra de Trives e o sur de Verín, as zonas de Galicia cos valores máis baixos de precipitacións. O extremo contrario deuse nas comarcas lucenses de Ancares e A Fonsagrada, onde choveu ata tres veces máis do habitual.