Segundo informa o Tribunal Superior de Xustia de Galicia (TSXG), os xulgados galegos recibiron o ano pasado 6.436 denuncias por violencia de xénero, o que supón un 13,3 % máis con respecto ao ano anterior, cando se presentaron 5.683.
A maior parte dos casos -4.475- chegaron aos xulgados a través de atestados policiais con denuncia da vítima. Segundo os datos estatísticos feitos públicos hoxe polo Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero, en Galicia rexistráronse 6.001 mulleres vítimas de violencia de xénero nas denuncias recibidas en 2017.
Ao longo do ano pasado, 402 vítimas acolléronse á dispensa da obriga legal de declarar, o que supón un 6,7% das mulleres. En 2016 acolléranse a este dereito as prexudicadas en 314 casos, un 28% menos que o ano pasado.
“Galicia segue sendo unha das comunidades cunha taxa de violencia de xénero -vítimas por cada 10.000 mulleres- máis baixa do Estado”, con 42,74 persoas, fronte ás 66,65 do conxunto de España.
O número de ordes e medidas de protección solicitadas en 2017 nos xulgados galegos foi de 1.928 -un 13,9 % máis que o ano anterior-, das que se adoptaron 1.284.