O Goberno da Deputación de Pontevedra vén de aprobar a primeira relación de concellos que se van beneficiar das achegas da liña 2, para a amortización, pagamento de débedas e gastos correntes, do “Plan Concellos 2018”.
Os quince primeiros concellos en recibir achegas desta liña dúas, por valor de 773.147,09€, poderán realizar pagamentos de subministracións, afrontar gasto corrente novo, amortizar débedas e impulsar programas culturais, deportivos, turísticos, gastronómicos, actividades infantís e musicais, así como festexos.
Máis polo miúdo o concello de Forcarei recibirá 52.965,88€ para o pagamento da subministración de enerxía eléctrica e Fornelos de Montes 33.116,08 para gasto corrente novo. No caso de Lalín, beneficiarase de 93.557,4€ para impulsar o programa de roteiros da vila, así como os campamentos deportivos de verán, un proxecto de promoción turística e o Orgullo de Lalín 2018.
O concello da Lama recibirá 45.245,76€ para a Festa do Codillo 2018, para a celebración do entroido 2018 e para a Semana Cultural. No caso do concello de Meis, a Deputación de Pontevedra achegará á vila 45.393,34€ ara a amortización de débeda con entidades financieiras.
Pola súa banda, Moaña beneficiarase de 94.400,07€ para gasto corrente novo, en concreto, para o servizo de limpeza viaria Urbaser S.A., e Mondariz de 13.139,9€ para poñer en marcha o II Ciclo de Corais e a III Festa Gastronómica da Carne Arreghlada así como o programa de cine de verán na rúa, as xornadas de promoción dos queixos e embutidos, a feira do pan e festas infantís con inchables.
O concello de Mondariz-Balneario beneficiarase de 10.519,72€ da liña 2 do “Plan Concellos 2018” para actividades de humor, contacontos, musicais e de animación infantil, así como para actividades de rúa, teatro e maxia, cinema na rúa e publicacións. No caso de Poio, as achegas ascenden a 78.500€ para os gastos do entroido, da Festa da Ameixa e da Festa do Mar.
Portas recibirá da Deputación de Pontevedra, ao abeiro da liña 2 do “Plan Concellos 2018”, 36.040,74€ para a amortización de débeda e Salvaterra do Miño 69.724,05€ para o pago de facturas a Sogama. Ata Sanxenxo destinaranse 58.000€ para poñer en marcha o programa de Sanxenxo no verán, para as festas patronais e para os gastos do entroido.
Pola súa banda, Vila de Cruces recibirá 62.123,15€ para o pagamento de gastos correntes novos e Vilagarcía de Arousa 33.681€ para gastos de enerxía eléctrica e limpeza do conservatorio, para a limpeza da escola municipal de música e para enerxía eléctrica de instalacións deportivas municipais. No caso de Vilanova de Arousa, as achegas ascenden a 42.600€ para a actuación musical de verán na festa do Mexilón e para os gastos da festa do Momo.