Galicia

27 deportistas galegos de alto nivel optan a 43 ofertas de emprego ao abeiro do programa ‘Eu son DGAN’

O programa ‘Eu son DGAN’ da Secretaría Xeral para o Deporte, presentado o pasado 20 de novembro de 2017 e que axuda aos deportistas galegos e galegas de alto nivel á súa inserción laboral da man da Fundación ONCE, conta, tras o primeiro trimestre de 2018, con 43 ofertas de traballo activas para as que existen 27 candidatos e candidatas que poderían asinar os primeiros contratos laborais nas vindeiras datas.

En total, ao abeiro do programa, foron contactadas 96 empresas e un total de 276 deportistas galegos, o 77% dos deportistas de alto nivel recoñecidos segundo o procedemento iniciado en xuño de 2017 (358). De todos os deportistas de alto nivel contactados, o 67% amosa o seu interese por participar no programa.

A partir de agora, incorporaranse ao programa o resto dos deportistas así como aqueles que foron recoñecidos a través do último procedemento de novembro de 2017, xa que na actualidade, Galicia conta con 380 os deportistas galegos de alto nivel (237 masculinos e 143 femininos). Do mesmo xeito, o programa xa está a incorporar ás súas entrevistas aos deportistas galegos que tiveron o recoñecemento de alto nivel vixente nalgún momento da súa traxectoria, aínda que no momento actual non desfruten desa condición.

Cómpre salientar que nestes tres primeiros meses do ano realizáronse 69 entrevistas iniciais cos deportistas galegos de alto nivel, así como 29 entrevistas de orientación e seguimento presenciais e outras 336 de xeito telemático.

También te puede interesar