Galicia

@En_Marea propón a equiparación dos permisos de maternidade e paternidade ata 20 semanas

O grupo parlamentario de En Marea presentou no Parlamento de Galicia unha Proposición de Lei para a modificación da Lei do emprego público de Galicia, co obxectivo de equiparar os permisos de maternidade e paternidade ata 20 semanas, para que estes sexan iguais, intransferibles e cen por cen remunerados.

A deputada Paula Quinteiro, lembrou que “a conciliación da vida laboral, persoal e familiar é unha das demandas máis importantes das mulleres para poder desenvolver as nosas vidas en igualdade e avanzar no fin da discriminación no reparto das tarefas de coidados”.

Quinteiro subliñou que os datos amosan que os traballos relacionados coa maternidade e a paternidade seguen recaendo moi maioritariamente nas mulleres e, polo tanto, que as medidas tomadas até o de agora para corrixir esta desigualdade se revelaron insuficientes.

A proposta de reforma contempla ademais que a equiparación dos permisos sexa gradual, para evitar que  esta proposta se rexeite por argumentos orzamentarios. O proceso de equiparación terá tres fases diferenciadas, en base ós seguintes criterios:  Equiparación inicial das 6 semanas inmediatas e posteriores ao parto que terán carácter obrigatorio de descanso para cada persoa proxenitora;  proceso gradual de equiparación das vinte semanas actuais de maternidade, incrementando o permiso de paternidade destinado a outra persoa proxenitora e, a partir do 1 de Xaneiro de 2022, en caso de nacemento a outra persoa proxenitora contará cun período de suspensión total de 20 semanas, sendo de aplicación integral a nova modificación da Lei presente neste texto.

You may also like