O grupo municipal da Marea de Vigo mantivo unha xuntanza a semana pasada cos veciños dun inmoble da avenida de Castelao, xa que levan un tempo tentando que o centro comercial, situado nos baixos, permita a realización das catas para a colocación dun ascensor que dea servizo a varios dos inquilinos do edificio que son maiores, teñen problemas de mobilidade e, mesmo algún deles, teñen recoñecidos distintos graos de discapacidade.
Na xuntanza da xerencia de urbanismo que terá lugar mañá xoves 3 de maio, o grupo municipal da Marea de Vigo pedirá explicacións sobre a situación administrativa do devandito centro comercial e das motivacións existentes para que non permita a colocación dun ascensor no inmoble superior, “nun barrio onde se están a instalar nos últimos anos ascensores sen problema algún e mesmo con liñas de subvención pública autonómica e municipal sen problemas, contando ademais coas recentes reformas da lei de propiedade horizontal”.
Marea de Vigo lembra que o Centro Comercial Coia 4 foi nomeado Vigués Distinguido neste 2018 polos seus 40 anos de existencia, mais, “dados os feitos denunciados pola veciñanza, que incluso xa ten colocados carteis e faixas na fachada, a actitude do xerente non é merecedora de dita distinción, ao exercer comportamentos insolidarios como o que se está a denunciar, comportamentos que pouco axudan nun barrio con graves carencias dotacionais aínda a día de hoxe”.
Marea de Vigo pide igualmente ao alcalde que dea resposta á xuntanza solicitada polos veciños e veciñas en xaneiro de 2017 e da que non recibiron contestación algunha.