Galicia

Este venres, día 18 de maio, empeza a veda do polbo en Galicia que rematará o vindeiro 2 de xullo

A veda do polbo en Galicia comezará mañá e rematará o 2 de xullo de 2018. Así o especifica a resolución do plan experimental para a xestión desta especie para a campaña 2018/2019, que establece o período de veda do polbo para este ano dende entre as 16:00 horas do venres, 18 de maio ata as 05:00 horas do luns, 2 de xullo.

As capturas desembarcadas o 18 de maio poderán ser comercializadas tamén o 19 de maio naquelas lonxas nas que tradicionalmente se viñesen realizando vendas de polbo os sábados.

O período de veda do polbo significa que queda expresamente prohibida a captura desta especie, por medio de calquera arte, en augas nas que Galicia ten competencias en marisqueo. Polo tanto, as embarcacións dedicadas á captura de polbo con nasas deberán retiralas do seu calado e levalas a porto. Este tempo de veda é tamén aplicable á pesca marítima de recreo e ás capturas acadadas con calquera outra arte distinta da nasa para polbo.

A veda é unha das medidas técnicas que comprende o plan de experimental do polbo, co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.

Plan 2018-2019

A Consellería do Mar e o sector consensuaron un novo plan do polbo para o vindeiro ano, que entra en vigor mañá e que permanecerá vixente ata que se publique o plan do ano que vén, que fixará a seguinte veda. Segundo establece este plan, a partir do día 2 de xullo –data na que remata a veda- ata o 31 de agosto, a cota máxima de captura desta especie é de 30 quilogramos por barco e día. A esta cantidade engádenselle 30 quilogramos día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 210 quilogramos día.

No que resta de campaña a cota máxima será de 50 quilogramos por embarcación e día, cantidade á que se lle engaden 50 quilogramos/día por cada tripulante enrolado a bordo, ata un máximo de 350 quilogramos/día.

Te podría interesar