En Marea presentará no Parlamento de Galicia unha proposición non de lei para rematar coa consideración da caza como actividade deportiva. Unha cualificación que para este grupo non merece ter, “como non merece recibir as axudas que a Xunta de Galicia conceden as federacións deportiva de calquera condición”.
Durante os debates que se produciron no Parlamento de Galicia con relación aos campionatos/matanzas de raposos que se produciron en Galicia nos meses de xaneiro e febreiro deste ano e nos anos anteriores, a Consellería de Medio Ambiente negou que estes eventos tiveran financiación pública directa, sen entrar no finanzamento xeral que a Secretaría Xeral para o Deporte destina a Federación Galega de Caza como a todas as Federacións Deportivas.
Desde a celebración do debate, a propia Xunta contestou unha pregunta a En Marea na que se admitía que durante os últimos cinco anos foron subvencionadas con 37.706,37€ as matanzas de raposos nos campionatos de caza e con 141.289.90€ á Federación de caza.
Segundo indica En Marea, “entre outros, chaman moito a atención estes dous obxetivos do convenio polo que se conceden as axudas a Federación de caza: ‘O interese público deste convenio radica na necesidade de promover o deporte como elemento crucial no desenvolvemento harmónico das persoas e no seu equilibrio físico e psicolóxico’, ou ‘Realizar campionatos e competicións con especial interese ás encamiñadas a mozos e mozas en idade escolar’.
En Marea súmase e respalda a petición de numerosos colectivos e asociacións que piden que se acabe coa matanza de animais e que piden que se acaban coas batidas dos raposos. A Asociación Libera! presentou no Parlamento de Galicia unha iniciativa respaldada por 60.000 firmas pedindo tamén que se deixe de considerar a caza como unha actividade deportiva.