As Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto e as Ligas Internas de Colexios cerraron a tempada cunha xornada festiva na que o Amfiv, o equipo vigués de baloncesto en cadeira de rodas, foi un dos protagonistas e na que os máis pequechos amosaron en Balaídos todo o aprendido ao longo do curso.
Os xogadores do CEIP Seis do Nadal, CEIP Doutor Fléming, CPI Celso Emilio Ferreiro, CEIP Illas Cíes, CEIP Pintor Laxeiro, CEIP Javier Sensat, CEIP A. Rodríguez Castelao, E.D.M. de Balaídos e E.D.M. Berbés compartiron equipo cos xogadores do Amfiv nos partidos amigables. Ademais, os rapaces puideron presenciar un encontro de exhibición do Amfiv, que se proclamou Subcampión de Europa por terceira vez na súa historia.
Con máis de 200 xogadores e xogadoras, ao redor de 20 técnicos e unha grada repleta de familiares e amigos o Club Baloncesto Seis do Nadal-Coia viviu a xornada de clausura máis numerosa das últimas tempadas, xornada na que se despedía o curso escolar 2009/2010 como o curso escolar con máis xogadores e xogadoras inscritos nas Escolas Deportivas Municipais de Baloncesto.