En Marea vén de pedir a demisión “inmediata” da Valedora do Pobo, Milagros Otero, tras coñecer a sentenza na que o Tribular Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) anula o nomeamento para a praza de Xefa do servizo de administración e persoal.
Esta praza, sinala En Marea, segundo explica a sentenza foi aduxicada “con arbitrariedade” e “desvío de poder” por parte da valedora a unha persoa coa que tiña relación e que viña a ser María Puy Fraga, filla do que foi catedrático de Dereito da propia Milagros Otero, e que tamén é irmá do actual portavoz parlamentario do Partido Popular de Galicia, Pedro Puy Fraga.
O TXSG, engade En Marea, anula esa praza, considera probada a intercesión da valedora para conceder ese posto e obriga a repetir a convocatoria. En Marea considera que a Valedora non pode continuar “nin un minuto máis” como responsable dunha institución que debe “mirar polos dereitos dos galegos”.
O voceiro de En Marea, Luís Villares, esixiu a dimisión da Valedora pola súa “actitude corrupta” e porque “non ten sentido que a presidenta da institución que ten que evitar os abusos de poder, actuase abusando do seu poder para enchufar a xente próxima a ela”. Para Villares, ademais do feito de que Milagros Otero “enchufase” a unha “amiga súa”, supón un “desprezo polos demais aspirantes ao cargo”.