O novo convenio colectivo, que terá unha duración de catro anos, inclúe melloras sociais e contempla unha suba salarial superior á proposta inicialmente pola empresa
A asemblea de traballadores de FCC, concesionaria do servizo de recollida do lixo e limpeza viaria de Vigo, decidiu a pasada noite, por unanimidade, aprobar o preacordo sobre o convenio alcanzado horas antes polo comité e a dirección, o que permite desconvocar a folga indefinida prevista a partir do vindeiro día 13.
O novo convenio colectivo, que terá unha duración de catro anos, inclúe melloras sociais e contempla unha suba salarial superior á proposta inicialmente pola empresa.
Segundo informan dende o comité de empresa de FCC, presidido pola CIG, o acordo ratificado en asemblea establece unha duración para o convenio de catro anos (2018-21), fixando un incremento retributivo do 2% para os dous primeiros anos e do 3% para os dous seguintes. A maiores, introdúcese unha cláusula de revisión salarial do 1,5% para os dous primeiros anos e inclúese no cuarto ano o pago do complemento de produtividade no abono das pagas extra. Ademais, cada traballador recibirá un salario completo a maiores como compensación no momento da xubilación.
Entre as melloras sociais pactadas salientan que as traballadoras en estado de xestación pasarán a situación de incapacidade temporal (IT) por risco no embarazo a partir da semana 16; que todas as baixas por calquera suposto entre o persoal fixo serán cubertas pola bolsa de emprego do persoal de fin de semana; que se mantén a xubilación parcial por contrato de relevo con carácter indefinido, así como a reserva do posto de traballo durante tres anos para o persoal afectado por unha incapacidade; por último, as licenzas retribuídas amplíanse a 15 días no caso de falecemento de fillo, mentres que as demais gozaranse en días laborábeis.