A candidatura da Universidade de Vigo para levar adiante o proxecto do Campus do Mar xa está na recta final: hoxe chegou a mans do Ministerio de Educación os tres documetnos nos que se resume a proposta viguesa, un resumo executivo, unha memoria económica e unha memoria do proxecto con 120 páxinas que recolle unha detallada proposta para a que se precisa dispor dun orzamento de 66 millóns de euros.
Agora haberá que esperar un mes para coñecer a resolución da Comisión Técnica. No caso de pasar este primeiro corte, a Universidade terá tres meses para elaborar o proxecto definitivo. Algo que non suporá demasiado esforzo, xa que nesta primeira fase o equipo da Universidade de Vigo fixo máis do que se lle pedía. En caso de ser seleccionados, haberá que avanzar no orzamento definitivo e afondar no como, para o que se pedirá unha axuda ao ministerio de 200.000 euros para a elaboración do proxecto definitivo de conversión en Campus de Excelencia Internacional.