O departamento de Mobilidade da Deputación de Pontevedra, dacordo coa solicitude do alcalde, vén de rematar as obras de mellora na estrada Gondomar-Chaín-Morgadáns dentro do concello de Gondomar.
O deputado de Mobilidade Uxío Benítez, e o alcalde Francisco Ferreira, realizaron este xoves unha visita á zona para supervisar a actuación, que consistiu nunha rehabilitación estrutural do firme xunto coa instalación de redutores de velocidade e a creación dunha ‘zona 30’.
Benítez e Ferreira salientaron que o proxecto de mellora, que contou cun orzamento de 406.300€, cumpre co obxectivo de “mellorar a seguranza viaria e remata co mal estado do firme, que presentaba un deterioro moi importante”.
O proxecto, ademaís, conta con elementos de ‘calmado’ de tráfico co fin de minorar a velocidade coa que os vehículos transitaban pola zona ata o momento, e abrangue a colocación de seis pasos de peóns sobreelevados – popularmente coñecidos como ‘lombos’– e nova sinalización horizontal e vertical que delimita claramente a 30 quilómetros por hora o paso dos coches.