A Deputación de Pontevedra está traballando na creación dunha aplicación móbil con información sobre rutas turísticas e puntos de interese do territorio do río Miño transfronteirizo, “co obxectivo de potenciar o coñecemento da extensa e variada oferta turística da rexión”.
Esta iniciativa, segundo explica o deputado de Cooperación Transfronteiriza e director da AECT Rio Minho Uxío Benítez, “supón unha importante posta en valor do patrimonio natural e cultural do territorio común entre Galiza e Portugal e forma parte das actividades incluídas dentro do proxecto de cooperación europea Visit Rio Minho”.
A APP permitirá aos usuarios pescudar, visualizar e organizar dende os seus dispositivos móbiles os enclaves de maior interese así como rutas, dispondo de diversos tipos de filtros de información. A empresa encargada do deseño é a portuguesa Bonus Itineris – Cooperativa de Qualificação Turistica e Territorial – CRL, quen resultou adxudicataria cunha proposta de 14.756,05 €, e que presenta unha importante traxectoria en proxectos similares. A iniciativa busca a adopción dunha estratexia coherente de promoción do territorio do río Miño transfronteirizo como destino turístico, apuntou Benítez.