Imaxe: ARQUIVO Abel Caballero en Zamáns/O alcalde anunciou este martes que deu orde de que se suspendan os baldeos na limpeza das rúas da cidade e pediu ás veciñas e veciños un “consumo responsable” da auga.
Abel Caballero sinalou que a presa de Zamáns estaba o pasado luns ao 66,41% da súa capacidade -a semana pasada estaba preto do 70%- e o de Eiras, ao 78,94%, o que supón tres puntos menos que hai sete días -o consumo medio da cidade de Vigo no verán-. Estes datos revelan, explicou o alcalde, que “nestes momentos temos tres semanas de auga máis que o ano pasado e unha semana máis de consumo que o promedio da última década, o que significa que estamos mellor”.
A pesar desta mellor situación, e dado que no se auguran choivas moi abundantes nos próximos meses, o rexedor adoptou a decisión de parar os baldeos e pediu “firmemente” consumo responsable. Neste mesmo senso, anunciou o envío de cartas aos alcaldes e alcaldesas de municipios da Área de Vigo que reciben auga desde esta cidade solicitando que adopten as mesmas medidas de consumo responsable.
Abel Caballero criticou de novo a actitude do presidente Feijóo porque, mentres que o Concello xa adoptou medidas de aforro de auga, o Goberno de Galicia, un ano despois, nin sequera iniciou a tramitación do transvase de emerxencia para garantir o subministro de auga a Vigo e nove concellos que suman medio millón de habitantes cunha “unha situación de abastecemento de auga moi precaria”.