O 061 asistiu durante a fin de semana a 64 persoas debido a 48 accidentes de tráfico ocorridos nas estradas galegas entre as 3 da tarde do venres, día 28 e as 12 menos un minuto da noite deste domingo, 30 de setembro.
A Central de Coordinación do 061 recibiu nestes días 61 chamadas en relación cos accidentes de tráfico. Estas alertas xeraron 48 asistencias sanitarias por parte do persoal do 061 que atenderon un total de 64 persoas.
Os recursos sanitarios mobilizados polos médicos que atenderon as chamadas na Central de Coordinación do 061 foron 62. Así, a ambulancia asistencial de soporte vital avanzado acudiu en catro sinistros, as ambulancias asistenciais de soporte vital básico mobilizáronse en 51 sinistros e os médicos de Atención Primaria que medicalizan as ambulancias asistenciais de soporte vital básico do 061, no caso de necesitalo, prestaron asistencia sanitaria en cinco accidentes. As ambulancias convencionais asistiron en dúas ocasións.
En 57 casos os feridos foron trasladados aos centros sanitarios correspondentes, en seis ocasións atendeuse no propio lugar do incidente e unha persoa resultou falecida no punto.