Greenpeace vén de solicitar ao Goberno galego unha moratoria de novas plantacións de eucalipto en Galicia no seu escrito de alegacións á primeira revisión do Plan Forestal de Galicia, que finalizou onte xoves 4 de outubro.
A alternativa proposta é semellante á aprobada hai un ano en Portugal e pola que se establece que só se permitirán novas plantacións de eucalipto en áreas onde xa existisen, coa imposición dunha redución gradual da superficie ocupada por esta especie.
“O problema de fondo do Plan Forestal de Galicia é que reflicte a desigual relación de forzas entre o sector industrial que defende a expansión do eucalipto (celulosa e taboleiro) e o resto do sector forestal galego”, sinalou Miguel Ángel Soto, responsable da campaña de Bosques de Greenpeace. “Cando a Xunta propón un incremento de 25.000 hectáreas de Eucalyptus nitens, propón que se manteña o status quo e que non se poñan límites futuros á expansión do cultivo do eucalipto en Galicia, o que xa aconteceu no primeiro período de vixencia do plan”.
Greenpeace apoia a iniciativa lexislativa popular promovida por varios colectivos galegos que foron quen de recoller máis de 42.000 sinaturas en apoio dun novo modelo forestal onde as plantacións de eucalipto non sigan ampliando o seu dominio do territorio. Esta proposta é coherente coa posición común establecida en 2011 por 20 organizacións ecoloxistas e de conservación de todo o Estado na que reclamaba a fin da conflitividade das plantacións de eucalipto, manifesto que se denominou “Unha visión común sobre o problema das plantacións de eucalipto”.
“Non haberá tranquilidade no sector forestal galego até que non se aborden os límites físicos do territorio para acoller estas plantacións, os riscos deste modelo de desenvolvemento económico baseado no monocultivo e os impactos ambientais dunha especie invasora que se naturalizou en ambientes fráxiles coma ríos e regatos e que se segue a expandir até en espazos naturais protexidos como as Fragas do Eume”, concluíu Soto.
Veto á madeira ilegal e manchada de sangue
Greenpeace presentou ademais unha alegación para que a Xunta dea prioridade á adaptación da lexislación forestal de Galicia (Lei de Montes de Galicia e Decreto 50/2014 de regulación de aproveitamentos) á normativa europea e estatal que regula as obrigas das empresas que introducen madeira no mercado europeo (Regulamento EUTR, European Timber Regulation). Greenpeace esixe que a Xunta cumpra as súas obrigas legais e evite a entrada de madeira ilegal na Unión Europea mediante controis que verifiquen que o sector importador dispón e aplica sistemas de Dilixencia Debida que minimicen os riscos de introducir no mercado madeira de orixe ilegal.