Despois de recibir máis dun cento de filmes a concurso, a organización do Galician Freaky Film Festival decidiu seleccionar un total de 38 curtametraxes que serán as encargadas de formar a sección oficial desta nova edición do festival máis friki de Galicia.
Así, entre o 25 e o 27 de outubro poderanse ver en Vigo non só filmes galegos, “senón tamén pezas nacionais e internacionais cheas de humor, misterio, terror e, por suposto, unha boa dose de zombies”.
As curtametraxes do Galician Freaky Film Festival
As curtametraxes da nova edición do Galician Freaky Film Festival dividiranse por sesións acordes coa temática ou a procedencia das cintas, no caso das pezas internacionais.
Así, para o día da inauguración, o xoves 25 pola tarde terá lugar o primeiro dos bloques chamado Humor Freak Vol. I e onde se poderán ver filmes como Bienvenido al infierno, de Simón Fariza que relata, con moito humor, o temido momento no que un rapaz ten que coñecer a familia (pouco convencional) da súa moza ou Loot, de Pablo Medina, unha curtametraxe que inclúe a tres atracadores de bancos, unha caixa forte, un novato para abrila e unha realidade que se rexe polas regras dos videoxogos.
O primeiro día do festival rematará co bloque Sesión Typical Spanish e con obras como Amancio, vampiro del pueblo, de Alejo Ibañez ou El escarabajo al final de la calle, de Joan Vives Lozano, no que Amadeo recibe unha inquietante premonición: á súa filla peixeira quédanlle sete días de vida.