Ciencia y Tecnología Galicia

A Área Sanitaria de Vigo xerou o ano pasado 3 millóns de quilos de refugallos, deles 497.000 residuos ‘perigosos’

Formalizado o contrato do proxecto da nova área de Ciruxía Maxilofacial do Meixoeiro

A Área Sanitaria de Vigo conta cun programa de reciclaxe  de residuos nos centros sanitarios que abrangue accións destinadas a segregar os residuos en todas as Unidades, e que aqueles como o papel, cartón ou o  plástico poidan ser reciclados con garantías.

O Diario Oficial de Galicia ven de publicar a formalización do contrato para o servizo de xestión dos residuos perigosos e non perigosos dos centros dependentes da Área Sanitaria viguesa por un importe de 523.301,96€.

Segundo explica o responsable deste proxecto, Manuel Corbacho Fernández, “nos centros sanitarios xeramos un volume importante de residuos, e estamos en condicións de segregar con garantías de reciclaxe xa que, hoxe en dia, o persoal está plenamente concienciado da importancia da recollida selectiva intrahospitalaria destes residuos, co obxecto de aplicar as estratexias de redución, reutilización e reciclaxe que nos permitan chegar a ser un complexo hospitalario ecolóxico”.

A organización sanitaria viguesa desenvolve un Plan de Xestión Avanzada e Ecolóxica que ten por finalidade a correcta clasificación dos residuos o que facilita o seu posterior tratamento, de xeito que só se eliminen con procedementos especiais aqueles realmente perigosos ou tóxicos que puidesen entrañar riscos para a saúde pública ou medioambientais, como son os biocontaminados, os citostáticos e restos de químicos.

No pasado ano, o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI) segregou para o seu reciclaxe 234.862 quilos de residuos non perigosos. Destes, cabe subliñar os 28.000 quilos de residuos orgánicos; 181.500 quilos de papel e cartón e  25.700 de plástico.

O CHUVI produce anualmente 3.036.393 quilos anuais de residuos, dos que aproximadamente 2,5 millóns -un  83%- son ‘Non perigosos’, e 497.806 -un 17%- ‘Perigosos’. Neste ultimo grupo cabe subliñar os 370.000 quilos de residuos biocontaminados  e  112.000 químicos.

Os hospitais de Vigo dispoñen de locais específicos para o almacenamento dos residuos. O  75% dos mesmos son xerados no hospital máis grande, no Alvaro Cunqueiro. “A  nova infraestrutura do recinto hospitalario posibilitounos dispor dunha  gran nave, específica e exclusiva para o almacenamento e xestión de residuos, emprazada lonxe do edificio central e de fácil acceso e manobra, que conta con dúas compactadoras, e  diversos  contedores para os diferentes tipos de residuos. Este novo dispositivo facilita a realización  dunha xestión dos residuos moi segregada e diferenciada para o seu posterior tratamento”, afirma Corbacho.

You may also like