O colectivo de pensionistas e xubilados da CIG convoca para este xoves mobilizacións en diversas cidades e vilas galegas- en Vigo será ás 8 da tarde na Farola de Urzáiz– en demanda dunhas “pensións públicas que permitan unha vida digna ás persoas xubiladas de hoxe e ás de mañá”.
Exixen, entre outras cuestións, a derrogación das reformas laborais e das pensións, tanto do PP como do PSOE, que teñen como obxectivo desmantelar o sistema público de pensións. “Intentan facernos crer que as pensións públicas non son sostíbeis e que temos que aforrar ou facer un plan de pensións privado, e así, unha vez máis, que sexan os fondos financeiros e as grandes empresas que sosteñen os plans privados, quen se benefician a costa da clase traballadora”.
O colectivo de xubilados e pensionistas alerta de que agora pretenden dar por cumpridas as súas exixencias, e que deixen de mobilizarse, mediante unha suba das pensións de 20€ ao mes de media. “20€ ao mes poden ser unha pequeniña axuda, pero, desde logo, non serve para paliar a grave situación de miles de persoas que, na Galiza, sobreviven con pensións ínfimas”.
Lembran que as pensións galegas son as segundas máis baixas do estado; que máis da metade das pensións que cobran galegos e galegas son inferiores a 677€ que unha de cada dez son menores de 415€ ao mes.
Medra a fenda entre as pensións de homes e mulleres
Matizan a isto que as pensionistas galegas que teñen pensións de viuvez, foron as menos beneficiadas pola suba aplicada, xa que só 1 de cada dez viu incrementada a súa pensión. “As mulleres que cobran complemento a mínimos por non chegar á contía mínima, que na Galiza son a maioría, viron reducida a cantidade dese complemento na mesma medida en que subía a pensión, polo que na práctica, non se produciu suba para estas pensionistas”.
Aseguran que isto agrava inda máis a fenda entre as pensións de homes e mulleres, que, segundo os últimos datos ofrecidos polo Instituto Galego de Estatística, está a aumentar. “A diferenza entre a pensión media dun galego e a dunha galega está xa no 37,1%, e se falamos de persoas de entre 55 e 74 anos, sobe a máis do 42%”.