A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade avanzou este martes que o actual ritmo de avance nas obras do 3º treito do desdobramento do corredor permitirá adiantar a antes do verán o remate da autovía do Morrazo.
Ethel Vázquez supervisou hoxe os avances dos traballos no último tramo da autovía do Morrazo, nos 3,8 KM que restan entre o enlace de Meira e o primeiro enlace de Cangas, e que supón un investimento autonómico de máis de 18 millóns de euros.
A conselleira salientou que tras a posta en servizo o pasado mes de maio dos 7 primeiros quilómetros de autovía, entre o enlace de Rande e o de Meira, os traballos que culminarán a conversión en autovía do corredor do Morrazo estanse a executar coa máxima axilidade, e minimizando as afeccións ao tráfico e as molestias a veciños e usuarios.
Consciente de que todas as obras, e máis cando se trata de actuacións desta envergadura, causan certas incomodidades, a conselleira aproveitou tamén para agradecer a veciños e usuarios a súa paciencia e comprensión.
Grado de execución de máis do 60%
Segundo dixo a titular do departamento de Infraestruturas, nestes momentos están rematadas as voaduras nos desmontes e feito o 90% do movemento de terras, así como xa está realizada a ampliación das estruturas en 2 pasos inferiores.
Así mesmo, tamén están executados a totalidade dos piares do Viaduto da Fraga, a estrutura máis singular deste treito, con máis de 300 m de lonxitude.