Galicia Vigo al minuto

@G_Caballero_M elixido candidato socialista á Presidencia do Goberno de Galicia

Gonzalo Caballero xa é o candidato socialista á Presidencia do Goberno de Galicia, despois de seren verificados os 398 avais presentados -a cifra máxima permitida polo regulamento do PSdG-PSOE-.

Tras concluír o proceso de primarias, Gonzalo Caballero emitiu a través das redes sociais un vídeo para agradecer o apoio depositado nel cando se cumpre un ano de traballo intenso” dende a súa chegada á Secretaría Xeral.

“Hoxe o PSdeG está máis forte, máis revitalizado, e en condicións de dar a Galicia o cambio que necesita”, valorou o líder dos socialistas galegos, quen explicou que dá o paso para concorrer ás eleccións porque “non me quero resignar a que a Galicia dos meus fillos sexa unha Galicia sen posibilidades de futuro”.

Gonzalo Caballero (Ponteareas, 1975) é licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais con Premio Extraordinario ao primeiro da promoción. Doutor en Economía pola Universidade de Vigo e Doutor en Ciencia Política pola Universidade de Santiago de Compostela, é profesor titular de Economía Aplicada na Universidade de Vigo, e foi Visiting Scholar na Washington University en St. Louis, na University of California en Santa Barbara e na University of California in Berkeley, entre outras.

Ten publicado máis dun centenar de traballos académicos en diversas revistas científicas nacionais e internacionais, e quince obras académicas. A súa última obra editada foi o libro ‘State, Institutions and Democracy’ (Springer, 2017, editado con Norman Schofield).

You may also like