O TC intraoperatorio vén de chegar ao Hospital Álvaro Cunqueiro onde xa está emprazado no quirófano correspondente. Para a descarga e traslado ao emprazamento definitivo deste equipamento –con 2.100 quilos de peso- foi necesario despregar un complexo dispositivo loxístico, que realizouse a través dunha grúa de 350 toneladas.
A previsión é que inicie a súa actividade antes de finalizar o ano, unha vez instalado e realizadas todas as probas técnicas e de seguridade requiridas para o seu funcionamento.
Segundo indica o Servizo de Saúde, “trátase do TC intraoperatorio máis avanzado de España, no que realizouse un investimento de 693.916,85€”, financiado nun 80% por fondos do programa Feder Galicia da Unión Europea.
O sistema permite realizar un TC no mesmo momento en que se está efectuando a operación cirúrxica, o que supón unha maior seguridade para o paciente e unha intervención menos invasiva e moito máis precisa.
O novo equipo supón unha gran transformación e un importante avance nos sistemas de imaxe intraoperatorios. A súa tecnoloxía, coas máis altas prestacións, permite estudar un órgano en seccións e diferenciar tecidos, o que implica unha gran vantaxe fronte ao sistema convencional.
“A introdución deste equipamento en quirófano asociada ás técnicas de neuronavegación é un avance importante na cirurxía, xa que permite unha localización en 3D precisa do procedemento cirúrxico que se está a desenvolver”, explica o xefe do Servizo de Neurocirurxía do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (CHUVI), o doutor Cesáreo Conde.
As técnicas de cirurxía guiada pola imaxe posibilitan a realización de intervencións menos invasivas, con menor dano aos tecidos, de forma máis segura e precisa, ao tempo que reduce os períodos de recuperación postoperatoria do paciente.
O equipo de imaxe de TC intraoperatorio aplicarase para cirurxía cerebral, espiñal e neurovascular. É dicir, poderá utilizarse en cirurxías craniais e de columna vertebral, tanto vasculares como tumorais.
Cálculase que, aproximadamente, do millar de intervencións anuais que realiza o servizo de Neurocirurxía, un 20 % delas efectuaranse a través deste sistema; aínda que tamén poderá ser utilizado por outros servizos, cando sexa necesario guiar a cirurxía, como por exemplo en Traumatoloxía para cirurxía de columna ou pelvis.
O doutor Conde subliña que “suporá unha gran vantaxe á hora de poder coñecer e monitorizar antes, durante e despois da cirurxía a situación real do paciente”.
O TC intraoperatorio permite planificar “in situ” a cirurxía e comprobar o resultado conseguido, ademais implica un aforro de estudos de planificación previos e de comprobación posteriores á intervención.