O pleno extraordinario da Deputación de Pontevedra deu luz verde á aprobación inicial do orzamento para 2019, unhas contas que, segundo o Goberno do organismo provincial, “subliñan que somos a Deputación de toda España que máis transferencias directas fai aos concellos: un 28,6%, moi por enriba de Deputacións como Ourense cun 0,06%; Valladolid cun 14%; Zamora cun 6%; Málaga cun 2,8%; Segovia cun 1,2%; Almería cun 0,5%; León 0,4%; ou Cuenca cun 0,25%”.
Os números do orzamento
O orzamento de 2019 supón 157.962.348€ que, co consolidado -Escola de Enfermería e os Consorcios de Protección contra Incendios- ascende a 161.384.163 euros.
O Plan Concellos conta con 43,4 millóns de euros, cun incremento do 3% con respecto ao 2018. Terá unha dotación de 9,5 millóns de euros para emprego, 30 para investimentos e 3,9 millóns para actividades e gasto corrente.
No caso dos servizos, Medio Natural e Desenvolvemento Rural terá un orzamento de 1,8 millóns de euros. Así, aumentarase o gasto nas tarefas de prevención de pragas así como nos orzamentos para Mouriscade, que se incrementa nun 2,5%, e para a Estación Fitopatolóxica do Areeiro que terá un 5,8% máis que no 2018. En canto a Emprego, a Deputación destinará 3,3 millóns de euros para o seu fomento aos que se engaden os 9,5 millóns para a xeración de emprego que inclúe o Plan Concellos, polo tanto 12,8 millóns, un 8,2% máis que o pasado ano.
A área de novas tecnoloxías terá un orzamento de 5,73 millóns de euros, un 9,15% máis que no 2018, para continuar prestando os servizos para modernizar as administracións locais. Turismo recibirá 3,6 millóns de euros para seguir cos obxectivos marcados no Plan Estratéxico; e a área de Infraestruturas recibirá 17,67 millóns de euros, cun incremento que multiplica por cinco a media de crecemento do orzamento, para seguir impulsando a política de mobilidade provincial.
En Igualdade o incremento do orzamento será do 8,9% ata acadar 1.273.992 euros. A área de Cohesión Social e Xuventude contará no 2019 cun orzamento de máis de 6 millóns de euros, un 7,6% máis que no 2018, e en Servizos Lingüísticos e Promoción Cultural 4 millóns de euros, un 3,12% máis que este ano. O Museo de Pontevedra contará cun orzamento de 4,4 millóns e Patrimonio con 1,5 millóns de euros. Tamén se incrementará o orzamento da Escola de Cantería ata os 798.000 euros, para impulsar accións tendentes á consecución da homologación da formación impartida na escola.
En canto ao Deporte, o goberno de Carmela Silva destinará 5 millóns de euros a este servizo. O orzamento contempla o financiamento do Campionato Mundial Júnior de Balonmán que se celebrará en Pontevedra e Vigo no 2019 e vai ser financiado pola Deputación de Pontevedra.