A Comisión Europea vén de aprobar a inclusión da liña Vigo-Porto no Corredor atlántico ferroviario, unha reclamación que En Marea defendeu no Parlamento de Galicia cunha Proposición Non de Lei para reclamar esta conexión, así como iniciativas en todas as institucións nas que participa “para rematar co illamento ferroviario do país co exterior e, particularmente, favorecer as conexións de transporte co norte de Portugal”.
A aprobación na comisión é un primeiro paso que garante a inclusión desta liña entre as inversións prioritarias de Europa e que, ao tempo, garante tamén nunha porcentaxe moi alta que o Parlamento Europeo aprobará esta mesma inclusión, sinalan dende En Marea.
Antón Sánchez, vicevoceiro parlamentario de En Marea, sinalou que esta era unha “noticia que moi importante para as melloras de comunicación de Galicia, unha medida que defendimos e que nin a Xunta de Feijóo reclamou en Europa, o que significa un desleixo por parte do goberno galego e do seu presidente”.
O vicevoceiro do grupo parlamentario sinalou que desde En Marea “fixemos un traballo para conseguir que este trazado formase parte do corredor, un traballo dificultado porque a Xunta de Galicia non fixo nada para conseguir esta inclusión”.
A conexión ferroviaria Vigo-Porto formará parte no Corredor atlántico ferroviario trala aprobación por parte da Comisión Europea de que este trazado forme parte do conxunto atlántico e que, na práctica, garantiza, que o Parlamento Europeo procederá tamén a darlle aprobación definitiva a esta proposta defendida por En Marea en todas institucións, incluído o Parlamento de Galicia.